Onte o Cineclub Bueu tivemos a ocasión de (auto)presentarnos en Argo Navis e de escoitar opinións e suxerencias de xente interesada no proxecto. Estivemos debatindo acerca da periodicidade do cineclub e algúns expresaron o seu desexo de que se amplíe a programación mensual. Dende a organización esperamos ir medrando e que dentro de pouco poidamos proxectar máis de unha película ao mes. Por outra parte, nos deron ideas para facer o cineclube máis participativo mediante papeletas de votación despois de cada película ou facer un pequeno ‘cineforum’ ao rematar cada sesión.

Tamén estivemos falando das dificultades de programar cine de calidade que sexa, á vez, do gusto do público. Os participantes no evento propuxeron un montón de películas que lles gustarían ver en Bueu, dende ás últimas películas gañadoras nos festivais de Sundance ou Cannes ata películas máis vanguardistas e comprometidas.

No cineclube tomamos boa nota de todas esas propostas e agardamos seguir mantendo un contacto directo cos nosos espectadores.

Recordade que maná ás 19:30 horas e as 22:00 horas proxectamos a primeira película dos ‘Sábados de cine’:

Nader e Simin, unha separación – Asghar Farhadi (IRÁN, 2011)

Agardámosvos no Centro Social do Mar de #bueu!


Anuncios