Abrimos a sección ‘O cineclub dende dentro’ para achegar aos nosos simpatizantes e seguidores cuestións acerca do funcionamento do cineclub, tanto dende unha perspectiva histórica, divulgativa ou simplemente cinéfila. Ás veces resulta complicado facer a selección de películas a programar, por eso, con este texto, Xabier Framil, membro da xunta directiva nos explica como escollemos ‘45 YEARS’ – Andrew Haigh (UK, 2015) para a o mes de xullo -recordade que temos proxección este vindeiro sábado e domingo ás 22:00 horas no CSM de Bueu.

45 YEARS, unha película iceberg

A vindeira fin de semana o cineclub Bueu programa a longametraxe do británico Andrew Haigh “45 years” (2015). A historia baséase no relato “In another country” do tamén británico David Constantine (1944), co-guionista da película.

¿Por que a escollemos? Aparte dos numerosos premios que a avalan (sobre todo ao traballo da actriz protagonista, Charlotte Rampling) chamounos a atención a capacidade de Haigh para desenterrar universos interiores sen apenas pestanexar. É esta unha película psicolóxica na que os sentimentos son protagonistas; película de velos, miradas e silencios cuxa claridade narrativa, contra todo prognóstico, asombra. O director sabe inventar unha linguaxe de caracteres invisibles coa que amosarnos ese mundo afundido dos sentimentos onde as cousas teñen as veces un significado tan distinto do aparente como dramático. Un drama sen sangue nin violencia pero non por iso menos intenso; Haigh descóbrenos que algo remoto e pequeno, ocorrido hai moitos anos, pode perturbar, retrospectivamente, toda unha vida. É a súa unha viaxe cara atrás, que non obstante vén demostrar que o presente o abrangue todo e que a historia do que sentimos transcorre nun plano moi distinto ao do tempo convencional.

O reputado crítico de El País, Jordi Costa, cualifica a película de “sutil, humanísima e desoladora”. Non podemos estar máis de acordo: Sutil porque todo ocorre debaixo da superficie, coma nun iceberg; humanísima porque non hai nada máis humano que as emocións; desoladora porque no mundo dos sentimentos non hai xustiza, séntese o que se sente, un pode calalo durante toda unha vida pero unha simple carta dun organismo oficial, recibida despois de 45 anos, abonda para espertar ao monstro que habita nas profundidades.

Xabier Framil

45 YEARS FRAME

 

 

Anuncios