No #cineclubueu queremos inaugurar unha nova sección, na que simpatizantes, cinéfilos e militantes da sétima arte nos darán a súa visión persoal sobre as películas que propoñemos e o fenómeno do cineclubismo. Hoxe é o turno de Miguel Anxo Fernández, ao que podiamos definir como un dos maiores ‘activistas’ do cinema galego. Non é director, el mismo dique sempre rexeitou ter esa responsabilidade entre as mans. Non é actor, aínda que sempre que o invitan fai cameos tanto en curtas dos estudiantes aos que imparte ‘Historia do cine’ na Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación coma en películas punteiras do audiovisual galego. Tampouco é produtor aínda que se estiveramos en Hollywood encaixaría coa figura de ‘`produtor executivo’ en moitos proxectos. Todoterreno e hiperactivo, Miguel Anxo Fernández é crítico, escritor, ensaísta e investigador cinematográfico ademáis de programador cultural. 

-Miguel Anxo, ou MAF, para os amigos, a película que imos proxectar no mes de xullo ’45 years’ de Andrew Haigh (UK, 2015) fala acerca de como tempo non pode soterrar os sentimentos, porén,cremos que o cine ten o poder de os conxelar ee transladar. Igual é unha pregunta difícil de respostar para alguén que está tan implicado no mundo do cine, ¿que é o cine para ti?

– Tereime que poner poético. Podería dicirche: o cine é a vida mesma en imaxes ou como dixo alguen, (non sei se Truffaut…) o cine é a materia da que están feitas os soños. En todo caso, estou convencido de que sen o cine seríamos infelices, cromañóns

– Resumenos en 140 caractéres (estilo Twitter) a túa crítica sobre a película.  

Grandísimo traballo de Charlotte Rampling e real como a vida misma. Un filme neorrealista, un guión magnífico e unha cadencia narrativa modélica.

 

– Ti es membro histórico do Cineclub Carballiño, cómo facedes ou que criterios seguides para facer a programación? 

Realmente desaparecín da primeira liña hai moito tempo (estiven entre 1976 e 1996, que xa choveu…), pero mantéñome en contacto cos rapaces novos que o levan agora. Nunha vila (e nisto Bueu e O Carballiño son almas xemelgas) o cine club é un dinamizador clave na súa vida cultural por canto fan posible que os vecinos teññan acceso ao goce de ver unha película colectivamente e na pantalla grande. Ao mesmo tempo, hai un compromiso co cine como medio de expresión máis alá de ser un entretemento. Con ese compromiso escollen filmes de segundos e terceiros países máis alá da dominante industria alternativa. Mesmo no caso do audiovisual galego, son importantes puntos de difusión para os autores que tratan de abrirse paso no medio. Soen traballar coa Federación de Cine Clubs de Galicia como medio máis doado para acceder ao mercado con vantaxe de prezos, pero tamén directamente cos autores no caso do cine galego.

– Cineclub, que significa para ti esta palabra?

Como sabes a verba vai para 100 anos de vida e foi inicialmente iso: un club de amigos arredor dun filme. Quere dicir para debatir, comentar e difundir. E penso que se mantén moi viva nun tempo no que, en teoría, hai máis comunicación ca nunca (as Redes sociais, sobre todo), pero ao mesmo tempo a súa calidade é cuestionable e diría que frouxa. No cine club falas, comentas, na sala ou arredor dunha birra ou dun café. A capacidade de estímulo conversacional das imaxes é total…

– Acción local, pensamento global. Cal crees que é o futuro da exhibición cinematográfica a nivel local? 

O futuro pasa por dous modelos: o comercial a cargo dun emprendedor que monta unha sala para facer negocio (unha alternativa lícita, nada cuestionable) e o cultural a través dun cine club ou sociedade semellante que vai máis aos valores expresivos do cine. Actualmente, coa mudanza tecnolóxica, montar unha sala é máis factible, e montar un cine club require da sensibilidade dos concellos poñendo a dispor dos promotores, instalación e apoios económicos.

– Por último, tes algunha anécdota que viviras no cineclub que te marcara? 

Podía botarme hora e horas contando anécdotas, algunha delas xa recollidsas na miña ficción Capitol, última sesión. Quédome con dúas. Unha co western El juez de la horca (Huston, 1972), para o que conseguiramos unha copia xa moi zurrada. Os espectadores saíron da proxección convencidos de que o vello Huston fixera unha obra revolucionaria, sobre todo coa montaxe. E cando xa se foron todos, baixou azorado o proxeccionista desde a cabina, para decirnos que se trabucara na orde dos rolos, que puxera o 2 onde ía o 5, e o catro onde ía o 3… Cando botamos Asalto a la comisaría del distrito 13 (Carpenter, 1976), unha homenaxe ao western Río Bravo (Hawks, 1959) que formaba parte dun ciclo a Carpenter, un espectador ao sair da sala case nos corre a paus por ser un filme, seica, moi ruidoso “e unha carallada”, e traballo nos custou convencelo de que nós non eramos os autores… Outro tanto pasaba cando a película gustaba moito. Entón os asistentes viñan onda ti a darche os parabéns e había que dicirlles o mesmo: decídello ao autor… Son anécdotas inocentes pero que agachan un sentir case relixioso de asistencia ao cine con ánimo de ver algo distinto. E anotade que nas sesión do cine club ata 1981, sempre recibíamos a visita dun señor de paisano que se puña na última butaca: era un garda civil de paisano que viña a vixiar que non se fixera política nos coloquios posteriores…

Anuncios