Achégase o outono e o tempo de recollemento tralo verán, por iso Xabier Framil nos presenta un breve esbozo crítico de Winter Sleep (máis info no enlace) que presentamos este sábado 8 de outubro nunha única sesión en versión orixinal , será ás 20:00 h no Centro Social do Mar coa cota habitual de sesión:  2€ (socios) / 3,50€ (non socios).


 

‘Winter Sleep’ non é unha película perfecta, por momentos os diálogos resultan demasiado elaborados e intelectuais para ser cribles, e algúns dos personaxes parecen ás veces un tanto estereotipados, excesivamente subordinados á idea que deben encarnar. Non obstante, o director consegue desenvolver con minuciosa sutileza o mosaico de pequenos e grandes conflitos persoais, morais e sociais que constitúen as circunstancias deses personaxes, esforzándose ademais en deixar que sexa o público quen os vaia adiviñando e deducindo a partir non só das extensas argumentacións senón sobre todo das miradas, os xestos, os silencios e as actitudes; poñendo ao mesmo tempo gran coidado en intentar non decantarse por ningunha das partes en litixio, por ningunha das versións da historia. Precisamente aí reside o mellor da película, Nuri Bilge Ceylan non quere darlle a razón a ninguén, o espectador terá que decidir quen é máis hipócrita ou quen se engana máis a si mesmo. Un principio ao que parece obedecer incluso a maneira de presentar a beleza sucia do ambiente extraterrestre no que se envolve o “soño de inverno”, esa paixase luar da Cappadocia turca, coas súas casas escavadas na pedra branca e as caprichosas formas con que a erosión moldeou ao longo dos séculos unha rexión declarada patrimonio da humanidade. Os protagonistas viven en cavernas de gnomos pero teñen problemas moi humanos, demasiado humanos. A maxia das vistas non pode ocultar o barro dos camiños, o somier oxidado ou a parede de bloques que pecha unha arcada centenaria; a intelixencia é demasiadas veces unha máscara da vontade mesquiña.

Xabier Framil

winter-sleep-2014-movie

Anuncios