Proxección da curtametraxe ‘Irei a Darbo’, de romería un século despois con música e actuacións en directo.

O grupo Trébede da asociación cultural Peis d’hos, liderado polo bailarín e mestre de baile tradicional Miguel Sotelo, recreou unha romería a principios de século XX, partindo dun cadro do pintor Carlos Sobrino. Nela participaron un total de 18 actores e 145 extras que traballaron en conxunto, caracterizados a nivel de vestiario e atrezzo cun grande esforzo para poder ser o máis fieis posibles á época. Entre eles actores de recoñecida traxectoria como Celso Parada, María Salgueiro, Fran Paredes, Casilda Alfaro, Pepe Penabade, Miguel Ángel Blanco e Lois Soaxe entre outros, e membros de diferentes asociacións culturais da comarca do Morrazo e mesmo Pontevedra.

A produción conta cun guión de Santiago Cortegoso, a dirección artística de Miguel Sotelo e a realización de Borja Brun.
Contaron ademais, co asesoramento histórico-etnográfico e lingüístico de Xerardo Dasairas e Henrique Harguindey, persoas cunha ampla e recoñecida bagaxe neste eido, con material fotográfico da A Cepa Cangas e Luis Guimeráns e a colaboración de empresas da comarca así como doConcello de Cangas do Morrazo e da Deputación Pontevedra.

Este proxecto audiovisual sobre o noso patrimonio proxectarase o sábado 21 de xaneiro ás 20:30h no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. A entrada é de balde ata completar aforo.

Estades todos convidados!

Anuncios