O día máis feliz na vida de Olli Mäki (Juho Kuosmanen; Finlandia, 2016)

O venres 6 de abril ás 21:00 h no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu, no Cineclub Bueu proxectaremos a opera prima do realizador finés Juho Kuosmanen ‘O día máis feliz na vida de Olli Mäki’. A película, deliciosamente rodada en branco e negro, fíxose no 2016 co galardón Un Certain Regard no festival de Cannes, así coma co Premio FRIPESCI (outorgado pola prensa especializada) nos Premios do Cine Europeo.

 
Verdadeira historia de Olli Mäki, talentoso á par que humilde púxil que no verán de 1962 aspira ao título de campión do mundo no peso pluma. Este campionato pode mudar a súa vida para sempre. Só ten que perder peso e concentrarse. Porén, haiche un problema: Olli namorou de Raija.
Dentro do cuadrilátero é Finlandia vs EEUU, mais fóra do ring o boxeo e o amor son dous adversarios loitando pola súa atención.

En palabras do director

“Os aspectos básicos en O día máis feliz na vida de Olli Mäki son a lixeireza e a luz. Se ben é unha historia sobre crise existencial e atoparse a un mesmo, o que determina a narración é o feito de non ficarmos a nos envorcallar na lameira senón que, ao contrario, voemos no ar coma un papaventos”

 

Na prensa

“Non trata sobre a victoria ou a derrota, é unha historia que trata do realmente importante na vida, de atopar o propio camiño cara á felicidade con independencia das expectativas do exterior” Lauro Martín, días de cine, rtve

“A opera prima do finés Juho Kuosmanen é unha oportuna reflexión ao redor dos conceptos de triunfo profesional e felicidade emocional” elconfidencial.com

 

Ficha técnica
2016 | Finlandia | 92 min | VOSE
Xénero:  Drama. Biográfico. Anos 60. Boxeo
Título orixinal: Hymyilevä mies (The Happiest Day in the Life of Olli Mäki)
Director: Juho Kuosmanen
Guión: Mikko Myllylahti
Reparto: Jarkko Lahti, Eero Milonoff, Oona Airola, Joonas Saartamo, Olli Mäki, Mika Melender, Raija Mäki, Joanna Haartti, Niklas Hyvärinen, Pia Andersson, Deogracias Masomi, Jarmo Kiuru, Marko Wilskman, Shamuel Kohen, Antti Naakka
Fotografía: Jani-Petteri Passi (B&W)
Dirección de arte: Jani-Petteri Passi
Montaxe: Jussi Rautaniemi
Vestiario: Sari Suominen
Música: Laura Airola, Joonas Haavisto, Miika Snåre
Produción: Aamu Filmcompany / ONE TWO Films / Tre Vänner Produktion AB
preme aquí se queres ver/descargar o dossier de prensa (presskit)

 

Advertisements