NADAL DE CINE NO CINECLUB BUEU

Vos deixamos un adianto de toda a programación para este Nadal!

+ info no noso facebook

cartazoprincipinocartazcontrafaces03_taxi_teherancartazimosadarbo-recuperado

Advertisements

O cineclub dende dentro: Motivos para ver ‘O sal da terra’ por Maria Carrera

Non é doado achegarse á vida e á obra de Sebastião Salgado sen amosar admiración pola calidade e pola poesía das súas fotografías, ao mesmo tempo que estas nos confrontan coa dualidade da mirada artística de alto nivel estético fronte á crueldade, ao sufrimento ou á dureza da realidade reflexada nalgunhas desas mesmas imaxes.

Por esta razón, é un dos fotógrafos máis controvertidos de finales do século XX, e ‘O Sal da terra’ non escapa ao debate, criticado tamén por semellar ser un documental haxiográfico, onde se eleva o fotógrafo sen calquera asomo de crítica ou contextualización, mostrándonos únicamente o punto de vista do seu fillo, da sua muller, do amigo e del mesmo.

Porén, este documental é unha peza audiovisual que merece a pena contemplar detidamente, tanto se es un apaixonado da fotografía coma se non. Aquí o observador é o observado, quen percorre as últimas décadas da historia recente a través do traballo do brasileiro, mostrado cunha perspectiva válida e interesante. As fotografías fannos reflexionar sobre a nosa empatía e solidaridade cara aos demais e sobre o sentido que teñen tanto esteticamente coma no social e no económico, en definitiva, no ético.

Desta maneira, ao saír da sala conviña que cada quen reflexionase sobre o significado das fotografías de Salgado, se afectan e como á nosa vida e se de dalgunha maneira cambiou a nosa visión fotográfica.

Maria Carrera

SÁBADO 3 DE DECEMBRO: ‘O sal da terra’ – Wim Wenders, Juliano Ribeiro Salgado (Francia, 2014)

02_CARTEL_SAL_TERRA.jpg

 

Continuamos coa programación dos ‘Sábados de Cine’ no Cineclub Bueu. Esta vez tornamos ao documental en dobre sesión:

19:30 h (versión dobrada ao castelán) 

22:00h  (versión original subtitulada)

LUGAR: CENTRO SOCIAL DO MAR DE BUEU

COTA SESIÓN: 2€ (socios) / 4€ (non socios)

O xenial fotógrafo Sebastião Salgado percorre o mundo dende fai corenta anos captando os cambios da humanidade. Foi testemuña e relator dos grandes acontecementos da historia recente do planeta. Porén, decide agora viaxar a territorios de natureza virxe, con fabulosas paisaxes, fauna e flora exóticas, onde o ser humano é o verdadeiro o sal da terra que habita e o alimenta.

O veterano cineasta alemán Wim Wenders (‘Paris, Texas’, ‘O ceo sobre Berlín’) volve con outro documental maxistral tras ‘Buena Vista Social Club’ e ‘Pina’. Gañador do Premio do Público en San Sebastián e do Premio Especial do Xurado en Cannes, ‘O sal da terra’, codirixida xunto a Juliano Ribeiro, ofrécenos unha mirada única á beleza do mundo e á condición humana a través da cámara e dos ollos do afamado fotógrafo brasileiro.

 

MEMORIA DAS ACTIVIDADES 2015-2016 E RESULTADOS DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

Este sábado 5 de novembro, antes da proxección de ‘Alabama Monroe’  celebramos unha asemblea xeral extraordinaria de socios/as do Cineclub Bueu. En primeiro lugar, dende Cineclub Bueu queremos agradecer a implicación e colaboración dos soci@s  que acudiron e formaron parte das decisións.

Nela expuséronse os seguintes puntos:

– Presentación da memoria das actividades realizadas na última temporada 2015-16. (Click no enlace para consultar máis información): MemoriaCineclubueu201516

– Información sobre a campaña de renovación de socios e decisión sobre a mesma: a campaña de socios será en ano natural puidéndose renovar xa nas proxeccións deste ano a cota proporcional. A cota de socio será de 15 euros ao ano, coa posibilidade de que membros da súa unidade familiar se fagan socios abonando a cota familiar de 6 euros ao ano por persoa. O precio da cota de  sesión para non socio se establece en 4 euros e a de asociado se mantén en 2 euros.
– Presentación de novo proxecto directivo que arrancará especialmente en xaneiro de 2017. O punto básico do novo proxecto é aumentar a programación que pasará a dúas proxeccións mensuais en troques de unha, completando así o programa actual de ‘Sábados de Cine’ (cine independente actual no primeiro sábado de mes). Estanse a estudiar diversas opcións sobre a segunda película, intentando que teña un carácter máis dinámico, fomentando as tertulias, charlas, exposicións e presentacións así como a interrelación con outras asociacións, entidades e colectivos. (Click no enlace para consultar máis información): NovoProxecto2017

– Presentación das películas correspondentes a Decembro/Xaneiro/Febreiro (axuntamos cartel e tamén presentación sobre a nova campaña) Adianto

CARTEL TRIMESTRAL 1.jpg

*Farase unha rolda de prensa a principios de ano informando sobre as novidades

SÁBADO 5 DE NOVEMBRO: ‘Alabama Monroe’- Felix Van Groeningen (Bélxica-2014)

Continuamos coa programación dos ‘Sábados de Cine’ no Cineclub Bueu. Esta vez programamos a película belga ‘Alabama Monroe’ en dobre sesión:

19:30 h (versión dobrada ao castelán) 

22:00h  (versión original subtitulada)

LUGAR: CENTRO SOCIAL DO MAR DE BUEU

COTA SESIÓN: 2€ (socios) / 3,50€ (non socios)

Así mesmo, este mesmo sábado convócase aos soci@s a unha asemblea extraordinaria (click no enlace para máis info).


 

Título orixinal: The Broken Circle Breakdown (Alabama Monroe)

Ano: 2012 (2014 estrea en España)

Duración: 112 min

País: Bélxica

Director: Felix Van Groeningen

Guión: Carl Joos, Felix Van Groeningen

Reparto: Veerle Baetens, Johan Heldenbergh, Nell Cattrysse, Geert Van Rampelberg, Nils De Caster, Robbie Cleiren, Bert Huysentruyt, Jan Bijvoet, Blanka Heirman

Xénero:  Melodrama romántico

Música: Bjorn Eriksson

Fotografía: Ruben Impens

Produtora: Topkapi Films

Sinopse: Alabama Monroe é unha filme intensa, chea de paixón e música, acerca de como en ocasións o amor pode vencer ás adversidades. Narra a historia de amor entre Elise e Didier. Ela ten un estudio de tatuaxes, el toca o banjo nunha banda de bluegrass. A pesar das súas diferencias xorde o amor a primeira vista. El fala, ela escoita. Ela ten unha cruz tatuada na caluga e os pés no chan. El é ateo, alén dun inxenuo romántico. A súa felicidade ponse a proba co nacemento da súa filla Maybelle.

Premios:

2013, Oscar: Nomeada a Mellor película de fala non inglesa

2013, Festival de Tribeca: Mellor guión e Mellor actriz (Baetens)

2013, Premios do Cine Europeo: Mellor actriz (Veerie Baetens) e outras 6 nominacións

2013, Satellite Awards: Mellor película estranxeira

2013, Premios César: Mellor película estranxeira

2013, Festival de Berlín: Premio do Público (Sección Panorama)

original.jpg

O cineclub dende dentro: Motivos para ver ‘Winter Sleep’- Nuri Bilge Ceylan (Turquía-2014) por Xabier Framil

Achégase o outono e o tempo de recollemento tralo verán, por iso Xabier Framil nos presenta un breve esbozo crítico de Winter Sleep (máis info no enlace) que presentamos este sábado 8 de outubro nunha única sesión en versión orixinal , será ás 20:00 h no Centro Social do Mar coa cota habitual de sesión:  2€ (socios) / 3,50€ (non socios).


 

‘Winter Sleep’ non é unha película perfecta, por momentos os diálogos resultan demasiado elaborados e intelectuais para ser cribles, e algúns dos personaxes parecen ás veces un tanto estereotipados, excesivamente subordinados á idea que deben encarnar. Non obstante, o director consegue desenvolver con minuciosa sutileza o mosaico de pequenos e grandes conflitos persoais, morais e sociais que constitúen as circunstancias deses personaxes, esforzándose ademais en deixar que sexa o público quen os vaia adiviñando e deducindo a partir non só das extensas argumentacións senón sobre todo das miradas, os xestos, os silencios e as actitudes; poñendo ao mesmo tempo gran coidado en intentar non decantarse por ningunha das partes en litixio, por ningunha das versións da historia. Precisamente aí reside o mellor da película, Nuri Bilge Ceylan non quere darlle a razón a ninguén, o espectador terá que decidir quen é máis hipócrita ou quen se engana máis a si mesmo. Un principio ao que parece obedecer incluso a maneira de presentar a beleza sucia do ambiente extraterrestre no que se envolve o “soño de inverno”, esa paixase luar da Cappadocia turca, coas súas casas escavadas na pedra branca e as caprichosas formas con que a erosión moldeou ao longo dos séculos unha rexión declarada patrimonio da humanidade. Os protagonistas viven en cavernas de gnomos pero teñen problemas moi humanos, demasiado humanos. A maxia das vistas non pode ocultar o barro dos camiños, o somier oxidado ou a parede de bloques que pecha unha arcada centenaria; a intelixencia é demasiadas veces unha máscara da vontade mesquiña.

Xabier Framil

winter-sleep-2014-movie

SÁBADO 8 DE OUTUBRO: ‘Winter sleep’- Nuri Bilge Ceylan (Turquía-2014)

Tralo aluvión cinematográfico do Fic Bueu regresa a programación habitual do Cineclub coa película turca ‘Winter Sleep’ de Nuri Bilge Ceylan, palma de ouro no 2014 do Festival de Cannes.

Debido á duración da película (195′) haberá un só pase en versión orixinal ás 20:00h no Centro Social do Mar coa cota habitual de sesión:  2€ (socios) / 3,50€ (non socios)

SINOPSE: 

Aydin, un actor xubilado, dirixe un hotel na Anatolia central coa axuda da súa nova esposa, da que está moi distanciado, e da súa irmá, unha muller triste porque se acaba de divorciar. No inverno, a medida que a neve vai cubrindo a estepa, o hotel convértese no seu refuxio e no escenario da súa aflición.

CRÍTICAS: 

“Inmensa (…) Belísima no seu tratamento da luz e do son, ‘Winter sleep’ é unha obra maior que, como o sublime, apunta á eternidade e á infinitud”/ Javier Ocaña (El País)

“A minuciosa mirada de Bilge Ceylan á alma dos seus personaxes ten, ademais, a tenacidade de contemplar encrucilladas morais entre a dignidade, o diñeiro, a dependencia, a xenerosidade e o ambiguo da culpa e a compaixón. É unha obra mestra” / Oti Rodríguez Marchante (Diario ABC)

“Una gran sinfonía, visual y repleta de matices irónicos, con la que el realizador turco culmina otra gran obra” / Lluís Bonet Mojica (La Vanguardia)

 

PREMIOS: 

2014: Premios César: Nomeada a Mellor filme estranxeiro
2014: Festival de Cannes: Palma de Ouro e Premio FIPRESCI
2014: Premios do Cinema Europeo: 3 nomeamentos, incluíndo Mellor película

086467-nuri-bilge-ceylan_

SÁBADO 6 DE AGOSTO / DOMINGO 7 AGOSTO: ‘Mia Madre’ – Nanni Moretti (Italia, 2015)

SÁBADO 6 DE AGOSTO 22:00h VOSE

DOMINGO 7 DE AGOSTO 22:00 VERSIÓN DOBRADA AO CASTELÁN

LUGAR: CENTRO SOCIAL DO MAR DE BUEU

COTA SESIÓN: 2€ (socios) / 3,50€ (non socios)

CRÉDITOS

Título orixinal: Mia madre (Italia, 2015)

Director: Nanni Moretti

Reparto: Margherita Buy, Nanni Moretti, John Turturro, Giulia Lazzarini, Beatrice Mancini

Guión: Nanni Moretti, Francesco Piccolo, Valia Santella

Fotografía: Arnaldo Catinari

Xénero: traxicomedia

102 min.

SINOPSE

Margherita, unha directora de cine políticamente comprometida, está a punto de separarse de Vittorio, un actor co que ten unha filla adolescente. O seu irmán decide deixar o traballo para dedicarse a coidar da súa nai, gravemente enferma no hospital. A enfermidade da “mamma” e o proceso de asimilación da súa inevitable perda, vai alterar por completo a vida cotiá e emocional dos seus fillos.

CRÍTICA

“Un gran Moretti (…) unha fábula entre a gargallada e a desolación, tan cálida como irresistible. (…) Un díptico traxicómico que, a pesar da súa aparente convencionalidade, sorprende.”

Luis Martínez: Diario El Mundo

Shots from "Mia Madre"

Shots from “Mia Madre”